Biografía do conselleiro
Biografía do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Nado en 1968, é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten a especialidade sanitaria de Radiofísica Hospitalaria, así como un Máster en Administración Sanitaria pola Escola Nacional de Sanidade. A súa formación inclúe o Programa de Dirección Sanitaria (Escola de Directivos Sanitarios de Galicia, Fegas) e o Programa de Liderado e Xestión Estratéxica (Instituto de Empresa). Conta, ademais, co título de Xefe de Servizo de Protección Radiolóxica, outorgado polo Consello de Seguridade Nuclear. É profesor de distintos cursos organizados pola Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.
- No eido da investigación e da innovación participou en distintos proxectos europeos e proxectos de compra pública de tecnoloxía innovadora. Innovasaúde e H2050.
- Como especialista sanitario de Radiofísica Hospitalaria desenvolveu a súa actividade asistencial nos hospitais Povisa e Meixoeiro de Vigo e Vall d'Hebron de Barcelona, entre os anos 1993 e 2005.
- No ámbito da xestión desempeñou o posto de director de centro e director operativo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo entre os anos 2005 e 2011.
- Desempeñou o posto de subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde e a coordinación da Estratexia galega contra o cancro.
- Foi director de Procesos Asistenciais da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.
- Desde xullo de 2019 é xerente da Área de Xestión Integrada de Vigo, despois de selo da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.